O mais recente

“ENTRE LIÑAS”, CARTAS INÉDITAS PARA CONMEMORAR O 110 ANIVERSARIO DO FALECEMENTO DE CURROS ENRÍQUEZ

A Casa dos Poetas albergará entre o 3 de abril e o 31 de maio a exposición “Entre liñas”, organizada pola Fundación Curros Enríquez e comisariada por Javier Gándara Feijóo. A mostra confórmase a través de material documental (a mayoría inédito) pertencente ao arquivo da devandita institución. O proxecto céntrase en epístolas escritas por personaxes senlleiros de Celanova e Galicia: Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Otero Pedrayo e Faustino Santalices. Expóñense tamén pinturas, fotografías, gravados e outros documentos en alusión aos autores e textos seleccionados, dándolle ao visitante a posibilidade de contextualizar aquilo que le.

O título “Entre liñas” alude a un fragmentopertencente á carta escrita por Manuel Curros Enríqez ao seu amigo Jesús Muruais o 11 de maio de 1876. Na citada epístola, o poeta celanovés expresa: “¡Cuántas revelaciones en esta carta! ¡Cuántas confidencias! ¡Cuántos enigmas que solo yo puedo comprender!”. Transmítese, polo tanto, a idea de que para poder entender realmente estas mensaxes de Curros hai que ler “entre liñas”. Nestas liñas tamén se atopan “anacos” da vida dos seus autores.

“Entre liñas” pretende ofrecer unha concepción distinta da vida e activdiade intelectual dalgúns dos mellores literatos e investigadores galegos; unha visión diferente e alonxada das mitificacións e clichés que, ainda en pleno século XXI, seguen a predominar. A mostra abrirá as súas portas o 3 de abril, un día despois de que se cumpran os 110 anos do multitudinario funeral de Manuel Curros Enríquez na Coruña (segundo as crónicas da época, asistiron ao mesmo 40.000 persoas). Con esta exposición, a Fundación Curros Enríquez continúa a súa labor de estudo e difusión da actividade literaria dos escritores vinculados a Celanova.