Vida

 Manuel Curros Enríquez (1851-1908)

Curros-final

Manuel Curros Enríquez forma parte do Rexurdimento xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Os tres conforman un círculo imprescindible para entender a recuperación da lingua e literatura galegas.


1851 a 1867: Celanova, Vila Natal
Manuel Curros Enríquez nace o 15 de setembro de 1851 en Celanova (Ourense). É fillo de José María Curros Vázquez (Melide) e Petra Enríquez (Vilanova dos Infantes). A familia atópase ben posicionada debido a que José María Curros é escribán e notario. Dise deste último que tiña un carácter autoritario e pouco permisivo, causante da marcha de varios dos seus doce descendentes da casa. Así, o poeta abandonará o domicilio de Celanova con tan só 15 anos tras un episodio nada afortunado co seu proxenitor.


1867 a 1877: Destino Madrid, con visitas esporádicas a Galicia

Varios estudos teñen apuntado que Manuel Curros Enríquez, tras marchar de Celanova, chega a viaxar ata Londres dende o porto de A Coruña. Á súa volta pasaría por París. Non obstante, estas hipóteses (carentes de alicerce documental) non son apoiadas por tódolos biógrafos. No aspecto no que si hai unanimidade é que Curros está no 1867 en Madrid. Alí, fará o bacharelato e  comezará a estudar Dereito. Tamén será en Madrid onde cree “Cántiga”, o seu primeiro poema en galego.

En outubro do 1870, o autor regresaría por un breve período de tempo a Celanova (outros biógrafos rexeitan que estivese no citado pobo galego ese mesmo ano). De volta na capital española, Curros consegue ingresar como redactor no periódico “La Gaceta de Madrid” e colabora tamén en “El Porvenir”. Nesta mesma época coñece á súa futura muller (Modesta Vázquez), coa que ten o seu primeiro fillo (Adelardo) o 15 de Xullo do 1873. Ademais, Curros Enríquez traballará como corresponsal da Terceira Guerra Carlista durante os anos 1875 e 1876.

No 1876, e tras verse animado pola familia, o poeta presenta os tres poemas máis relevantes da súa poesía galega a un concurso promovido por Modesto Fernández González, quen lle axudara economicamente na súa estancia en Madrid. As citadas composicións líricas son: “A Virxe do Cristal”, “O gaiteiro de Penalta” e “Unha voda en Einibó”.

1877 a 1883: Ourense

No ano 1877, nace o seu segundo fillo (Leopoldo). Tamén é neste ano cando Curros Enríquez decide casar pola igrexa con Modesta Vázquez. Despois dunha época de escaseza económica, o seu protector (Modesto Fernández) conséguelle un posto de traballo na Delegación de Facenda ourensá. Polo tanto, o noso autor volta a Galicia. O poeta non cesa na súa faceta de escritor e edita, xunto a Paz Novoa, un bisemanario chamado “El Trabajo”. Tamén se adicada de forma continua ao xornalismo, publicando en “El Heraldo Gallego”. Algúns biógrafos salientan tamén que, neste mesmo ano, Curros comeza a elaborar algúns dos poemas que comporán “Aires da miña terra”.

En 1879, o Marqués de Trives encárgalle a creación dun texto sobre o Padre Feijóo. Será a obra de teatro “El Padre Feijóo”, que provocará un certo enfado no sector eclesiástico. En setembro deste mesmo ano falece Leopoldo, segundo fillo de Curros (ao que lle comporá o poema Ai!). Ao ano seguinte, morre Petra Enríquez, nai do poeta; tamén nace Sofía Josefa Valentina Adelaida, terceira filla de Curros. Nese mesmo 1880, o autor celanovés publica o poemario “Aires da miña terra”. Por poemas como “A Igrexa Fría”, “Mirando ó chau” ou “Pelegrinos, a Roma”, Cesáreo Rodrigo, bispo de Ourense, denuncia a obra e pide a súa reatirada por incluir contido que ridiculizaba varios dogmas da relixión católica. Comeza un tedioso proceso xudicial que será trasladado á Audiencia da Coruña. O 11 de marzo de 1881, o xuíz absolve a Curros, o que produce que se reedite o polémico poemario antes citado. Tamén se publica neses meses o famoso poema “N´a chegada a Ourense da primeira locomotora”. Entre o 1882 e o 1883, comunícaselle a Curros o seu cese na Delegación de Facenda de Ourense.

 

1883 a 1888: Regreso a Madrid

Tras ser cesado en Ourense, Curros volta coa súa familia a Madrid. No 1886, Modesto Fernández González conséguelle un traballo no Concello de Madrid. No 1887, nace Augusto (cuarto fillo). Nese mesmo ano, Curros traballa no xornal “El País”, converténdose posteriormente no seu redactor-xefe e publicando en moitas ocasións co pseudónimo “Sebastián Zurita”.

 

1888 a 1894: Volta a Galicia e visitas esporádicas a Madrid

En 1888, publícase “O divino sainete” na Coruña. Ese mesmo ano, falece José María Curros (pai do poeta). Manuel Curros ten problemas matrimoniais e trasládase dende Madrid a Viana do Bolo xunto a un familiar. No 1892, sae da imprenta “El maestre de Santiago”, un longo poema de carácter medieval publicado en “El Heraldo Gallego”.

 

1894 a 1904: La Habana (Cuba)

Curros decide marchar de España, ben polos problemas matrimoniais, ben por desgustos relacionados cos seus artigos en “El País”. O 5 de marzo de 1894, chega a La Habana co obxectivo de dirixirse a México. No obstante, uns amigos anímano a quedar na illa. Alí, converterase en redactor-xefe de “El Diario de la Familia”. Tamén fundará “La Tierra Gallega”. As relacións do noso autor co Centro Gallego da Habana son moi boas ao comezo, tornándose difíciles co inicio da II Guerra de Cuba no 1895. No 1896, desaparece a publicación “La Tierra Gallega” e Curros comeza como redactor en “Diario de la Marina”. Tamén publicará en “El Fígaro” e nas revistas “Galicia” e “Suevia”.

 

1904: Ourense, Madrid e a Coruña

O 19 de xuño do 1904, Curros volta a Ourense, onde se reencontra con Lamas Carvajal. Ao día seguinte, parte para Madrid. Posteriormente, viaxará á Coruña, cidade na que o 21 de outubro do 1904 o coroarán como Poeta Nacional. Dous días despois, voltará para Cuba.

 

1904 a 1908: Regreso a Cuba, falecemento e traslado dos restos á Coruña

Ao ano seguinte de regresar a La Habana, fúndase a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia, na que Curros ocupa o cargo de presidente. El nomeará a Murguía coordinador da comisión que creará a futura Real Academia Galega. Así, o 30 de setembro do ano 1906, inaugúrase na Coruña a citada institución, nomeando a Curros Enríquez membro de honra da mesma. O noso poeta continúa residindo en Cuba, lugar no que falecerá o 7 de marzo do 1908. Tra-lo seu falecemento, a cidade herculina (que tan ben o acollera en vida e á que recordou e homenaxeou en máis dunha composición poética) reclama os seus restos, que permanecen no cemiterio de San Amaro da citada cidade galega. Os xornais do entón apuntan que ao funeral de Manuel Curros Enríquez asistiron 40.000 persoas.