Historia

Busto de Curros Enríquez por Luciano Asorey.

Con motivo do centenario do nacemento do escritor, o 15 de setembro de 1951, o Concello de Celanova e unha comisión popular organizan unha serie de actos de homenaxe a Curros que inclúen a inauguración do monumento de Luciano Asorey, así como unha sesión da Real Academia Galega na que toman posesión dos seus respectivos asentos Xoaquín Lorenzo e Ferro Couselo. Froito, posiblemente, da calor do centenario, o 10 de decembro de 1952 xurde en Ourense o Patronato Pro-Casa de Curros Enríquez, co obxectivo fundamental de “adquirir totalmente la casa en que nació Curros Enriquez”, de cara a “darle el destino que más convenga: escuela, biblioteca, museo, etc.”, segundo se recolle nos estatutos fundacionais.

Os ventos políticos que sopraban naquel momento non eran, sen embargo, os máis propicios para unha empresa cultural destas características e pese ós loables intentos de adquirir a totalidade do edificio e a súa posterior transformación en “escola, biblioteca ou museo”, a empresa foi dilatándose no tempo e caendo no esquecemento. Conseguiuse non obstante a declaración da casa como “Monumento histórico de interés local” en 1976 que garantía o seu valor nun futuro como edificio público.


Sería de novo no mes de decembro, pero esta vez do ano 1985, cando outro grupo de celanoveses, entre os que estaban Xosé Manuel del Caño (promotor en 1984 do premio «Celanova Casa dos poetas»), Xosé Benito Reza e Antonio Piñeiro, ademais do escritor de Vilanova dos Infantes, Xosé Luís Méndez Ferrín, propuxeron ao alcalde daquel momento, Adolfo Vázquez, a refundación do Padroado co fin de retomar o proxecto de transformación da casa en Casa Museo.

A revitalización do Padroado xerou o inicio dun largo e complexo proceso de negociacións cos propietarios e o día 22 de novembro de 1996 formalizouse a venda da parte que faltaba a favor do Concello de Celanova presidido neste momento por Antonio Mouriño Villar, con Jesús Pérez Varela como Conselleiro de Cultura. Alcanzados os case 100 millóns de pesetas necesarios para a restauración da casa e unha vez redactado o proxecto, en decembro de 1999 comezaron as obras de rehabilitación.

Imaxe da casa do poeta antes da reforna (Rúa Curros Enríquez).

Tres anos despois, coincidindo coa celebración do 150 aniversario do nacemento do escritor, en setembro de 2001 tivo lugar en Celanova o “I Congreso Internacional sobre Curros Enríquez e o seu tempo”, organizado polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Celanova. O día 15, día propio do aniversario de Curros, celebrouse o primeiro acto público na casa despois da súa restauración.

Co edificio preparado para o proxecto de "musealización", os novos tempos esixían tamén unha actualización do vello padroado. Isto leva a que no mes de maio de 2004 xurda unha nova entidade denominada Fundación Curros Enríquez, formada xa por un amplo abano de entidades institucionais, culturais e académicas que garanten a súa pervivencia.

Así é todo, tanto a entidade, Fundación Curros Enríquez, como a súa sede, "Casa dos Poetas", quixeron promover dende os seus inicios a figura do poeta Manuel Curros Enríquez xunto aos demais escritores ou poetas nacidos en Celanova. Por iso é que a casa natal de Curros pasou a chamarse de maneira que tódolos persoeiros relacionados con esta vila e que tiveron, teñen e terán relación coa literatura, se encontren arroupados baixo o mesmo teito.

Logotipo - web2