Cronoloxía literaria e periodística
- 1869 Primeiro poema en galego: Cántiga.
- 1873 Redactor na «Gaceta de Madrid».
- 1874 Publica a lenda en verso El maestre de Santiago, editado como libro en 1892.
- 1875 A partir de decembro convértese en cronista de «El imparcial» de Madrid onde traballará como corresponsal de guerra no País Vasco durante a terceira guerra carlista publicando “Cartas del norte”.
- 1877 Certame poético de Ourense para o que escribe: A Virxe do Cristal, O gueiteiro y Unha voda en Einibó.
- 1878 Publica la novela Paniagua y Compañía (Agencia de sangre).
- 1880 Edita o seu primer libro de poemas en galego: Aires da miña terra.
- 1881 Segunda edición de Aires da miña terra.
- 1883 Volve ó xornalismo: «El Porvenir».
- 1886 Terceira edición de Aires da miña terra.
- 1887 Entra na redacción do periódico recién fundado como redactor jefe: «El País».
- 1888 Publica O divino sainete.
- 1892 Tradúcese ó castelán Aires da miña terra.
- 1893 Edita castelán Estudio biográfico-político de Eduardo Chao.
- 1894 Funda e dirixe, na Habana, a revista «La Tierra Gallega» que desaparece dous anos despois.
- 1896 Entra na redacción do «Diario de la Marina».
- 1905 Colabora con José Fontenla Leal na creación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, que presidirá.
- 1967 A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas.
Poemas e fragmentos de interese
ó refrexo do branco luar,
unha nena choraba sin trégolas
os desdés dun ingrato galán.
I a coitada entre queixas decía:
“Xa no mundo non teño ninguén,
vou morrer e non ven os meus ollos
os olliños do meu doce ben.”
Os seus ecos de malenconía
camiñaban nas alas do vento,
i o lamento
repetía:
“Vou morrer e non ven o meu ben”.
Lonxe dela de pé sobre a popa
dun aleve negreiro vapor,
emigrado, camiño de América
vai o probe, infelís amador.
I ó mirar as xentís anduriñas
cara a terra que deixa cruzar:
“¡Quen pudera dar volta -pensaba-,
quen pudera convosco voar!…”
sin ouír seus amargos lamentos;
sólo os ventos
repetían:
“¡Quen pudera convosco voar!”
Noites craras, de aromas e lúa,
desde entón ¡que tristeza en vós hai
prós que viron chorar unha nena,
prós que viron un barco marchar!…
Dun amor celestial, verdadeiro,
Quedou sólo de bágoas a proba,
unha cova
nun outeiro
i on cadavre no fondo do mar.
«Aires da miña terra»
Aquí vén o maio
de frores cuberto....
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero.
¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos:
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
"Aires da miña terra"
¿Cómo foi?... –Eu topábame fora
cando as negras vixigas lle deron;
polo aramio súa nai avisoume
i eu vinme correndo.
¡Coitadiño! Sintindo os meus pasos,
revolveu cara a min os seus ollos.
Non me viu… e chorou… ai!, xa os tiña
ceguiños de todo.
Non me acordo que tempo me estiven
sobre o berce de dor debruzado;
sólo sei que me erguín co meu neno
sin vida nos brazos…
Bolboreta de aliñas dourada
que te pousas no berce valeiro,
pois por el me perguntas, xa sabes
qué foi do meu neno.
"Aires da miña terra"
Doce malenconía, miña Musa,
do meu esprito noiva feiticeira
¡déixame que hoxe no teu colo dorma
sono de pedra!
Nunca, reiciña, nunca com’ agora
falla fixéronme os teus bicos mornos:
choveu por min chuvia de sangue e traio
frío nos ósos.
Quéntame ti, que tiritando veño,
ti, que do peito curas as feridas,
¡amiga xenerosa dos que sofren,
malenconía!
Tope miña alma, á sombra dos ciprestes
que os tristes ermos das túas illas cobren,
o esquecemento que en ningures hacho
prós meus doores.
Fai que ó rumor dos teus regueiros, brando,
se adormezan meus tristes pensamentos.
¡Son un orfo!… Agarímame ó teu colo…
Xa outro non teño.
¡Xa autro non teño en que pousa-la frente,
polas agurras do pesar sulcada;
xa outro non teño que a amargura enxugue
das miñas bágoas!
Nai, ¡adorada nai! mártir escura,
branca pombiña arruladora e tenra,
¡ai! Si souperas cómo me deixabas
non te morreras.
Dende que te perdín, a terra, o ceo,
todo é pra min da mesma cor da morte.
O sol non me alumea, nin os campos
para min tén frores.
Cal sobre os condenados a pauliña,
caíu sobre miña alma eterno loito;
todo me amarga, hastra o aire que respiro;
dáname todo.
Do corazón fuxiume esa alegría
que é nas frores aroma e vos nos paxaros,
i andan por dentro do meu peito os corvos
arrevoando.
¡Como recordo aquelas noites craras
en que ó fulgor da prateada lúa
me arrulaba o sono, dos teus cantos
coa doce música!
¡Como recordo aquelas tardes tristes
en que os tronos sintindo, rezabamos
por que Dios leve ós probes mariñeiros
a porto a salvo:
Polos necesitados camiñantes
polos vellos sin pan e sin abrigo,
polos nenos sin pai…, abandonados…
com’ os teus fillos!
¡Ai! Eu tamén rezar quixera agora
por ti, de tanto amor en xusto pago;
mais dende que te fuches, miña rula,
¡teño un cansancio!…
Malenconía, Musa dos doentes,
do meu esprito noiva feiticeira
¡déixame que hoxe no teu colo dorma
sono de pedra!.
«Aires da miña terra»
Da aldea lexana fumegan as tellas;
detrás dos petoutos vai póndose o sol;
retornan prós eidos coa noite as ovellas
tiscando nas beiras o céspede mol.
Un vello, arrimado nun pau de sanguiño,
o monte atravesa de cara ó pinar.
Vai canso; unha pedra topou no camiño
e nela sentouse pra folgos tomar.
-¡Ai! dixo, ¡que triste,
que triste que estou!
I on sapo que oía
repuxo:-¡Cro, cro!
¡As ánemas tocan!…Tal noite com’ esta
queimóuseme a casa, morreume a muller;
ardeume a xugada na corte i a besta,
na terra a semente botouse a perder.
Vendín pros trabucos bacelos e hortas
e vou polo mundo de entón a pedir;
mais cando non topo pecháda-las portas,
os cas sáienme a elas e fanme fuxir.
Canta, sapo, canta:
ti i ei ¡somos dous!…
I o sapo, choroso,
Cantaba: -¡Cro, cro!
Soliños estamos antrambos na terra,
mais nela un buraco ti alcontras i eu non.
A ti non te morden os ventos da serra
i a min as entranas i os ósos me ron.
Ti, nado nos montes, nos montes esperas,
decote cantando, teu térmeno ver;
eu, nado entre os homes, dormento entre as feras,
e morte non acho, si quero morrer.
Xa tocan… Recemos,
¡que dicen que hai Dios!…-
El reza i o sapo
cantaba -¡Cro, cro!
A noite cerraba, i o raio da lúa
nas lívidas cumes comenza a brilar;
curisco que tolle nos álbores brúa
i escóitase ó lexos o lobo ouvear.
O probe do vello, cos anos cangado,
erguese da pedra i o pau recadou;
virou para os ceos o puño pechado
e cara ós touzales rosmando marchou…
Cos ollos seguíndoo
na escura extensión,
o sapo quedouse
cantando: -¡Cro, cro!
«Aires da miña terra»
Dios non atopando
cousa en que entreterse,
farto de estar solo
cavilando sempre
en forxar cadeas,
traballos e pestes;
a razón buscando
i a causa en que pende
que tan poucas almas
polas portas lle entren,
do seu paradiso
deixando os verxeles,
saleu de apaseo
certa mañá quente
do reuma e da gota
por esparexerse.
Como é xa velliño
i o coitado vese
tocante á saúde
moi pouco valente,
cansouse ós dous pasos;
mais com’alí a rentes
topase asento,
sentouse i alegre
por cima das nubes
asomando a frente
i a terra buscando
cos ollos celestes,
-¡Caráspeta! dixo
falando entre dente:
Si dou co ese mundo
que o demo me leve.
Debeu de atopalo,
se o conto non mente,
porque el de alí a pouco
quedou com’ a neve,
cos ollos cravados
que espantan e feren,
nin vulto que iñoro
s’ é de home ou de verme.
Mirouno dispacio
e viu que era un ventre
coas sedas vestido
máis ricas de Oriente.
Nun solio sentado
que envidian os reises
i en capa revolto
de tépedas peles,
ceibando saudabres
arrotos de enchente,
da terra, súa escrava,
recolle os presentes;
e si hai algún louco
que, pobre ou rebelde,
diñeiro non teña
i a darllo se negue,
o vente que, mudo,
falar sabe ás veces,
con sólo que diga:
“¡Pauliña no herexe!”
O herexe é borrado
da lista da xente.
Mirando este monstro,
Dios dixo entre dentes:
-¡Bah, bah!... Si “tus es Petrus”,
que o demo me leve.
Volvend’ autro lado
súa testa solene,
mirou levantarse,
rodeado de plebe
que espera ó verdugo,
del ríndose mentres
o pau, -a cucaña
da festa dos xueces.
A vítima chega:
quizais é un imbécil,
quizais naceu tolo,
¡quizais é inicente!...
Millor que matalo,
(que a morte é un berce
dond’home, gran neno,
descansa pra sempre)
millor que matalo
tal ves conviñese
metelo no fondo
de catro paredes,
ou preso ónha argola
que á terra o suxete
mandalo abrir montes
e furar túneles,
dicíndolle: -“sofre,
traballa e mantente,
i a libertá chora
que ti non quixeches.”
Mais, non; é preciso
que morra o que peque,
i o criminal morre...
i o crime repétese.
Parvo a tal escándalo,
Dios dixo entre dentes:
-Si che esto é xusticia
que o demo me leve.
Suspenso i atóneto,
non lexos moverse
mirou de labregos
un fato misérrime,
de malas patacas
mantidos, con leite,
máis ben que non homes
pantasmas parecen,
decote fozando
na codia terrestre,
toupeiras humanas
que furan as seves,
o sangue das venas
perdendo a torrentes
traballan sin folgos
un chau que n’é deles
traballan... i o fruto
que tras doce meses
de loita recollen
dos eidos que atenden,
metá pró dominio,
metá prós lebreles
do fisco e da curia,
todíño-lo perden,
quedándose ó cabo
de tntos riveses
sin pan prós seus fillos,
nin grau prá semente.
I entanto na aldea
todo esto acontece,
“Leis hai, din os ricos,
que ós probes protexen....”
-¡Que leis, nin que raios!
Dios dixo entre dentes:-
Si valen tres pitos
que o demo me leve.
Non para inda nesto
o que o chau lle ofrece;
que a través mirando
das súas gafas verdes,
viu deitarse méndegos
que se erguen marqueses;
tal clas de escrituras
firmar indixentes,
que ó cabo dun ano
no teñen albergue;
soldados covardes
chegar a ser xefes,
e morrer sin groria
os máis grandes heroes;
pasar por honrados
os que honra non teñen,
por santos os pillos,
por xustos os debles;
subir ós altares
os que a forca deben
i arrastrar carroza
quen debe ter un grillete;
chegar a podrosos
venteiros de aceite,
e comprar o ceo
prestando a intereses.
Vendo esto, Dios dixo
contra do seu chaleque:
-Si che outra vin nunca
que o demo me leve.
Con noxo deixando
tantas cativeces,
inda noutras cousas
parou Dio-las mentes.
Viu malos gobernos
que falsos i alves
co xugo dos pobos
engordan e crecen;
cregos que, feroces
como cans doentes;
cun fusil ó lombo
predican ós fieles;
ricos que, roubando,
as gavetas enchen;
médecos das quintas,
que dan por encrenques
(mediante catro onzas
cando non sete)
mociños, que ó cabo
tocan o pendengue
a seus pais perdendo
co aforro que perde;
home esfameados
emporras mulleres,
espigados nenos
que non saben lere,
i en fin, cantas cousas
que non deben verse,
que Dios arripiado,
i as cruces facéndose,
conecida a causa
de que o inferno medre,
meteuse na groria
decindo entre dentes:
- Si eu fixen tal mundo
que o demo me leve.
"Aires da miña terra"
Por sobre a barafunda
de escarnios e pauliñas
que as cántigas dos servos
por onde quer suscitan,
espaventada, atóneta,
a virxe Poesía
clamou desalentada:
“¡Vates, crebade as liras!”
¡Crebar as liras,
cando se fai temer aínda
a maza de Xan Dente
por vara de xusticia!
¡Cando nos nosos Códigos
non val dun home a vida
os sete vis escudos
en que a tasou Molina!
¡Calar!… ¡Que non se escoite
o patuxar das vítimas
no mar de inxofre e sangue
da escravitú caídas!
¡Calar!… ¡i as maus cravadas,
i a túnica cinguida,
i a tolerancia abaixo
i a intolerancia arriba!
Non. Feita está a pormesa
i é menester cumprila.
A patria morre. ¡Malia
o fillo que a non mira!
¡E malia quen lle negue
por tedio ou covardía,
os himnos que a amortaxen,
o sangue que a redima!
Crebar as liras diante
da libertá que espira
baixo a gadoupa férrea
do dogma que asesina!…
¡Inda goberna Claudio!
¡Inda Seiano priva!
¡Inda os proscritos choran
e trunfa Mesalina!
¡Non a crebés, poetas!
Templaina en ódeo, en ira,
hastra que dela saian
as explosiós das minas;
hastra que cada nota
com’ onha espada fira,
com’ on andacio varra
as vellas tegonías.
Gustoso esnaquizara
e resinado a miña,
si neso do meu pobo
a sorte consistira;
mais, mentras orfo e triste
os meus consolos pida,
crebala… ¡na túa testa
tan sólo-tiranía!
«Aires da miña terra»
I
Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
Velaí ven, velaí ven tan oupada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!
II
Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
vén o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos
«Aires da miña terra»
INTRODUCCIÓN
Sinto no peito us afogos
que parece que mo morden
sete ducias de cans dogos.
Disque son remordementos
dos meus pecados a miles,
das miñas culpas a centos.
Culpas de home mal cristiano,
pecados de herexe, tales
que non lles val zuruxano.
Pra me curar bebín ágoas,
pisei herbas, recei tríos,
biquei Santos, vertín bágoas.
Non hai festa ou romaría
onde empanado non fose.
¡Nunca topei milloría!
Pra me librar deste estrago
fun ver o Cristo de Ourense
tomei a manta en Santiago.
Quedei de noite ó recío,
coséronme os Evanxelios,
solagáronme no río…
¡Prós males de que eu me doio,
dicen os que ben o saben
que hai un curandeiro soio!
O curandeiro está en Roma.
Vou ver se me dá a saúde…
Vou ver se o pulso me toma.
Xa miña nai mo dicía:
¿Onde has de ir, boi que non aras,
senón á cortaduría?”
“Tanto saber traite cego;
mais, ou morres condanado
ou tes que volver ó rego.”
“Olla que o tempiño foxe,
E é ben pra mañán non gardes
O que poidas facer hoxe.”
“Que a morte non nos avisa,
e se ha levarnos cubertos,
que non nos colla en camisa.”
¡Tiña de ser! ¡Dio-lo quixo!
¡El, que criou dun arroto
tódalas cousas, sin lixo!
Nunca outra tal se ha de vere:
¡Curros camino de Roma
entoando o Miserere!
¿Pero hei ser sempre un brasfemo,
un xudío, un relaxado,
de Dios azoute? ¡Ora o demo!…
¿Quen, necesitado delas,
non merca saúde e groria
por unhas cantas cadelas?
Todo vai caro na vida;
a groria é que anda barata
como a sardiña manida.
Certa literata fea
mercouna dando a Aristarco
un bico tras dunha cea.
A un usureiro con sorte
custoulle… perdoar inxurias…
nas boqueadas da morte.
¡I é que neste tempo infame
a Crítica anda saída
i os Santos morren de fame!
O inferno a min non me atrapa:
cómpreme unha pouca groria
e voulla comprar ó Papa.
É un viaxe de recreo.
¿Quen folga de vir comigo
de León XIII ó xubileo?
Connosco irán moitas xentes:
abades, monxas, beatas…
¡Xuro a Dios que hemos de ir quentes!
¡Que rosario, compañeiros,
de contas de amancebadas
con deces de putañeiros!
Mais todos van compunxidos,
todos como eu apenados,
chorosos i arrepentidos.
¡Milagre santo e profundo,
fillo do nobre deseo
de ver a Dios… e ver mundo!
Como xa a gracia non baixa,
non hai modo de ir pró ceo
se o tren non nos fai rebaixa.
Esa rebaixa está feita.
¡Tolo de que pra salvarse
tal ocasión n’aproveita!
Mentres o camiño dura
hei de vos cantar cantares
dunha non vista hermosura.
Triadas, miñas triadas,
que levades os tres fíos
das frechas envenenadas:
miñas triadas valentes,
¡rachade os aires fungando
como fungan as serpentes!
Ladrade, mordede, ride:
onde haxa virtú, bicade,
onde haxa vicio, feride.
«Aires da miña terra»
CANTO VIII
Os dous agardando a hora
de ir xantar co Santo Padre
botamos do tempro fóra,
E pra poder aprecialos,
fomos ver as galarías
de exposición dos regalos.
Canto en sigros dazanove
o temporal poderío
ten arrapiñado ó probe;
Canto se ten apropeado
a garra cardenalicia
i o ventre do episcopado,
Alí están, en montós xigantes
da oriental manificencia-
dende as pelras i os diamantes
Hastra a prata e ouro fino-
enormes bostas guindadas
do católico intestino.
Diante daquela cruxía
de esprendores, onde mesmo
loce xunta i a porfía
Toda a pompa i a riqueza
que encerra o mundo do arte
ou garda a naturaleza,
Acordeime dos que fozan
na terra, dos que non comen,
dos que non rin e non gozan;
Do labrego que traballa
pra manter muller e fillos
e dorme en mollos de palla;
Do probe vello baldado,
sin agarimo no inverno,
de porta en porta arrastrado;
Do neno que emporranchiño,
orfo, perdido na fraga,
garda o gando dun veciño;
Do frío lar, que dá medo;
dos hórreos sin grau, das vacas
sin leite, do arado quedo…
E cun amargor sin nome:
-¡Cantos sudan neste mundo
-pensei- pra que folgue un home!
I Añón, cal se me escoitara:
-¿Logo seique tes envexa?
-díxome- pois ben, repara:
Iste calis esmaltado
desapareceu da igrexa
de Ousende o ano pasado.
Esta costodia esculpida
foi da ermida de Seixalbo,
noites atrás sutraída.
Canto tes diante os teus ollos
débese da fe á gazúa,
que non respeta ferrollos.
¿E queres con tal grandeza
facer a sorte dos pobres?
¡Pois pídeslles boa limpeza!
-Contra todo espolio feito
ós pobos cabe interdiuto…
-¿Que entendes ti de Dereito?
Os bens non enventariados
son do primeiro que os pilla,
diquiridos ou roubados.
E se o que os furta acontece
ser xente de sancristía,
o ladrón nunca aparece.
Inquidá, desacato,
o que queiras… mais é forza
respetar o Concordato.
Así o meu vello falaba
cando tivemos aviso
de que León XIII agardaba.
-Vamos alá –dixo o vate-
e correndo unha cortina
de veludo cor granate,
Nun camarín penetramos,
onde xa sentado á mesa
ó Padre Santo miramos.
-Sentaivos tamén –nos dixo-
requeneou catro preces,
o pan i as ostras bendixo,
I entanto unha copa enteira
de viño vello apuraba,
faloume desta maneira:
-Sei quen es: se o non soubera,
o que berrache en S. Pedro
craramente mo dixera.
Ti vés, cantor galiciano,
dunha raza que ondeou sempre
o predominio romano.
Alá do monte Medulio
nas lareiras, inda os ósos
relocen ó sol de xulio.
De teus avós que, brandindo
contra o Imperio a fouce céltica,
un a un, foron caíndo.
Pero dos Conqueridores
pasados, dos mortos déspotas,
Césares i Enperadores
O Para non é o herdeiro:
sono os reis que hoxe gobernan,
castigo do mundo enteiro.
¡Ai! Olla: por toda a terra
érguese un bafo de morte
que os espíritus aterra.
Naciós de tódalas trazas,
homes de tódolos crismas,
xentes de tódalas razas
Míranse con ollo airado,
búscanse us ós outros i alzan
no aire o puño pechado.
O fillo do Norte, frío,
desputa ó do Oriente, inquieto,
da fronteira o señorío.
Recrama o galo ó xermano
as terras que lle detenta;
do ingrés recea o italiano;
Rifa Améreca coa Europa;
os arsenás funden ferro;
os cuartés dispoñen tropa.
Roda polo espacio un vento
de asolación e exterminio
que escurece o firmamento…
Treme o chau, vacila a roca;
¡rompe en cada peito un ódeo
e un ultraxe en cada boca!
I aquí o Papa outro traguiño
botando, excramou: -¡Que tempos!
I Añón respondeu: -¡Que viño!
-No medio de loita tanta
soio hai paz –tornou León XIII-
no seo da Igrexa santa.
¡E chamádesme tirano
a min, triste prisioneiro
na cárcel do Vaticano!
-Perdóneme súa mercede
-dixen entón- pero coido
que mentres a Santa Sede
Os bens temporales ame
e insulte coa súa riqueza
ós que morren de fame;
Mentres o Papa, que o trono
das almas herdou sementes,
queira ser do mundo dono
I a pel do pascoal Carneiro
trocando en coraza, trate
de convirtirse en guerreiro,
A obra papal será impía;
non de paz, de turbulencia;
non de orde, de tiranía.
De Cristo a mística esposa
fixo nefando adulterio,
i a súa falta vergonzosa
Non terá perdón divino,
senón cando a Cristo torne
dos brazos de Constantino.
Añón pegoume co codo
como quen di: “¡Non te escurras!”
e León falou deste modo:
-¡Ah! ¡Como ó teu beizo asoma
o afán do mundo! Ti pides
que o Papa abandone Roma…
¡E ben! Agradarche quero;
deixarei Roma ós romanos,
quedareime en coiros… pero
Cando dos bens me despoxe
que a tradición me legara,
e que gardei hastra o de hoxe,
¿Terá a Igrexa quen lle acuda?
-¡Vinte sigros predicando
caridade pra esa duda!
¡Señor! O mundo moderno
non é, como o mundo antigo,
a imaxen viva do inferno.
Os pobos están chamados
a rexilo: cando trunfen,
cando do chau levantados
O himno canten da vitoria,
volveranse a Dios i os ceos
resprandecerán de groria.
I entón, Señor, non temades
polaIgrexa que ela é barca
que flota nas tempestades.
Estas democracias novas
son feitas de amor e gastan
a piedade por arrobas.
¡Amádeas! ¡Que ollen e vexan
que Cristo está da súa parte
mentres loitan e pelexan!
Quédese a rabia prós lobos:
¡Cristo era bon, era homilde!
i a homildá cautiva ós pobos.
Tal falei, Añón estaba
páledo; volvín a testa
e vin que o Papa… choraba.
-¿Que ten, señor? -¡Esto é feito!
repricoume- e naquel punto,
erguendo o busto escorreito,
Marmurou: -Ide e anunciade
que o Papa renuncia a Roma
pra vivir da caridade.
Dende hoxe a miña facenda,
todo o que eu teño é dos probes;
que as naciós poñan en venda
Canto for meu; desto en pago
non quero máis, se ma dades,
que unha coviña en Santiago.
Sentinme entón conmovido
tamén: o Papa marchouse,
i eu, de Añón sempre collido,
Botei fóra do palacio
e respirei fortemente
o vento libre do espacio.
Aquela noite saímos
de Roma eu i o vate; a penas
os dous no vagón nos vimos
De volta pró chau paterno,
díxenlle: -Mestre, ¿que pensas?
-Que é un gran viño o de Falerno…
-¿Dudas dos votos formales
do Papa? -¡Nunca se compren
os programas liberales!
Logo de chegar a España
Añón tornouse ó comando
da súa Santa Compaña,
I eu, do que vin de parvo e mudo,
dende entón creo… ou non creo…
pero dudar ¡xa non dudo!
«Aires da miña terra»
I
Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sen fin,
que inda recei pola probe da tola
eu, ¡que non teño quen rece por min!
II
A Musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta morreu...
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!
"Aires da miña terra"
Miñas donas, meus señores,
que polos papés chamados
(sempre estremosos comigo)
vindes honrarme a este acto:
¡Que non salla deste sitio,
onde me trouxo o meu fado,
se sei como agradecervos
tan lisonxeiro agasallo!
¿Que fixen eu, ¡voto a min!
pra merecer estes laudos,
pra que me tratés millor
que se fora o deputado?
¿Trouguen as ágoas á Cruña?
¿levei da Cruña a Santiago
o ferrocarril directo,
fai medio siglo agardado?
¿Tireivos algún trabuco
dos que vos están matando?
¿Fíxenvos algún camiño,
anque mesmo for de carro,
i anque mesmo fose a dar
ás miñas casas de campo?
¿Botei abaixo os consumos?
¿Fundei tal ves algún Banco
Agrícola, onde se axude
ós que viven do traballo?
Nada deso. Pois, entonces,
¿que razón hai nin que diaños
pra que me enchades o fol
de ousequios e de regalos?
¡Vítores, aclamaciós,
apoloxías i aprausos
a min, habendo outros antes
eiquí que os teñen gañados!
E... ¿quen son eu? Un poeta,
ou, como quen di, un paxaro
a quen tallaron o bico
cando empezaba o seu canto;
e que, dende aduela, mudo,
dos patrios eidos xotado,
por longas terras e mares
arrastra as áas sangrando.
Un poeta a quen un día
hastra ese nome negaron,
porque arrolar nunca soupo
o sono vil dos tiranos;
porque despertaba ós pobos
cos seus alegres recramos
i agoiraba auroras novas
que xa están alborexando;
un poeta a quen xueces
que Dios teña en seu descanso,
condenaron á cadea
que levan os presidiarios
e cuio ferron ¡ouh Cruña,
terra de peitos fidalgos!
mandaches limar a rentes
por man dos teus maxistrados.
Mais coido que nestas penas,
nestes aldraxes i escarnios,
nos que non hai groria algunha,
(que de homes son os traballos)
están as executorias
do voso tolo entusiasmo.
I é tamén, cecais, motivo
pra vir eiquí a demostrarmo,
o eco daquela palabra
de prestixio soberano
con que o moderno Demóstenes,
sol e honor do verbo hispánico,
ponderou eiquí os meus versos
en fulxentes ditirambos.
Pero aquel eco abafouno
a morte ¡e ben abafado!
pra que haxa paz e me estimen
todos no pouco que vallo.
Que si esas razós puderan
abonar favores tantos,
¿a quen lle fora o loureiro
da inmortalidá negado?
¿Quen non recolle inxusticias
no mundo e non trepa cardos?
¿Quen non probou algún día
da sorte o rigor amargo?
¿Quen pola cega amistade
non foi unha ves gabado,
nin que corazón sinxelo
non se viu exposto a enganos?
Os meus traballos, por meus,
débenvos ter sen coidado,
que s’eles con merescidos,
con sofrilos están pagos;
i os meus versos, se son bos,
anque eu os teño por malos
(i a proba téndela nestes
En que vos estou falando)
Pois que os sabés de memoria
i andan en tódolos labios,
¿que outro galardón soñaron?
Por eso, anque agradescido
a tantas mercedes, calo,
cando me mido con elas
tópome a seu par enano.
Cesade, pois, que estas festas
Sentan mal a un emigrado
e, máis que a min, fanlle falla
ao triste pobo galaico.
Esta croa, que me dades,
pra cando el trunfe eu lla gardo,
¡que abandono levou de espiñas
o corazón coroado!
Namentres, lidas cruñesas
de ollos como os meus pecados,
¡adiós! ¡Adiós, pescadores
do mar, na terra pescados
polas meigas, os caciques,
a usura... i outros andacios!
¡Adiós, Orzán temestoso,
Mestre-cantor afamado,
que presides os concertos
dos trobadores cantábricos;
patria de meu pai querida,
montes irtos, verdes campos,
mallas, degrúas, esfollas,
nas noites de luar craro,
romarías, gaitas, festas
arredor do santuario,
adiós! ¡E adiós compañeiros
i amigos do vello bardo!
Con fonda pena vos deixa
meu corazón desolado;
mais así o quer o destino
e non é ben contrarialo.
Cuba, que amei delorida,
acólleme expatriado
e nela n’ha de faltarme
unha cunquiña de caldo.
A todos aquí vos teño
dentro do peito cravados,
a todos, porque no levo
de nadie recordos malos.
¡Inda, adiós! ¡E faga a sorte
que, xa que tristes nos damos
a última aperta, vos tope
á volta alegres e salvos!
"Aires da miña terra"
LENDA
Rapazas de Vilanova,
ben vos podedes gabar;
que non hai Virxe no mundo
com’a VIRXE DO CRISTAL.
(Cantar do pobo)
Almas ardentes pra chorar nacidas
unha cencia que Dios non quixo darvos;
bolboretas xentís, esparexidas
arredor dunha lus que ha de queimarvos;
almas cheas de duda, de fe espidas;
dunha eterna inorancia eternos parvos;
vermes envoltos no montón aceso
de ósos de mortos que chamás progreso:
Parade un pouquichiño o fatigoso
paso en que vades a rodar sin tino,
e non ó vento dedes, enganoso,
a balbucente vos dun pelegrino,
sombra dun sol que nace esprendoroso,
póla esgallada de xigante pino,
recordo vivo dunha idá pasada,
entre o polvo dos tempos enterrada.
A vos amiga que hastra vós se astreve
é de xente de paz. Eu sonvos ave
de pío morosiño i áas de neve,
que só aniñar nos campanarios sabe.
Dende eles colle lus, dende eles bebe
o incenso en ondas que rubiu da nave.
e cando cai esborrallada a torre,
mirra as aliñas, e piando morre.
Cando teñades esta vos ouído,
cal eco de fantástica viola,
xa esta sombra terá desaparecido,
cinza sólo quizais será esta póla;
estonces, que tralo último queixido,
sólo será un cadavre esta ave tola,
¡almas, volvede ó voso afán, voade,
buscade o fin da cega humanidade!
¡Eu non podo seguirvos! Si amo tanto
o progreso i a lus, ¿por que na frente
gravado hei de levar o desencanto
desta doce ilusión que o peito sente?
¿Por que, cando profétecos levanto
ó porvir os meus ollos, tristemente,
fíreme a sen remordemento xordo,
e dos pasados tempos me recordo?
Medroña queixa espállase no vento
por cibdades e vilas á redonda,
que inda zoa con tanto sentimento
como na praia cando toupa a onda.
Ese triste queixido, ese lamento,
de alguén vos sai que sofre pena fonda...
¡É o pasado que morre! A lira daime,
e si canto ese morto... perdonaime.
Sí, eu cántovo-la vida no pasado;
que outros canten a vida no futuro:
eu dun tesouro sei que está olvidado,
e pra sacalo á lus a terra furo.
Si o tempo é sempre o mesmo, i agarrado
vai o presente ó que pasou, seguro,
podía ser, ben na vila ben na aldea,
que útil pra moitos o meu canto sea.
I
Preto da cibdá de Ourense,
camiño de Celanova,
onde é máis tépedo o vento
que a terra gallega azouta,
dun círcolo de montanas
na faldra, sempre verdosa,
esténdese un val frorido,
cuberto de herbas cheirosas,
piñeirales e arboredos
ricos de frutas e sombra.
Alí, pola primaveira,
dispois de saír da escola,
van os rapaces buscar
freixós pra comer i apóutigas;
i as nenas, máis delicadas,
e non como eles golosas,
topan alí os caraveles
con que os cabelos adornan,
e fan, con espriego e néveda,
ramiños que logo esfollan.
Deste val no medio e medio,
entre edras e musgo envoltas,
ergue as torres un castelo,
feito alá n'eras remotas
de pedra de sillería,
cáseque co tempo roxa.
Com’este antigo edificio
outro non hai según contas,
pois diz que foi levantado
por unha Princesa moura
dendes da posta do sol
hastra a saída da aurora;
e inda hai vellos que aseguran,
e podia que certo fora,
que debaixo dos cementos
que os altos muros soportan,
deixou a moura Princesa
pra que quen se astreva, morra,
sobre unha trabe en quilibrio
dúas cántaras que asombran:
unha de alquitrán inchida
i outra de moedas e xoias.
De sorte, que quen quixere
coller a que ouro atesoura,
creba unha cántara e morre
feito carbón baixo a outra,
quedándose ó mesmo tempo
sin o santo i a limosna.
A carón deste castelo,
agarimadiñas todas,
ou pola veiga ceibadas,
como bandada de pombas,
as retelladas troneiras
abertas ó sol que as doura,
alcóntranse as brancas casas
da vila de Vilanova.
Vilanova dos Infantes
é vila de grande sona:
n'hai zapateiros no mundo
que batan millo-la sola;
non se cocen en ningures
petadas que aquí non cozan,
e de aquí sán prós teares
as millores mazarocas.
Aquí está a gracia dos homes
i a fror i a nata das mozas;
en fin, sólo aquí naceron,
sólo aquí, Martiño e Rosa.
II
Alá polo ano de gracia
de mil seiscentos e trinta,
era dono do castelo
que en Vilanova se ve inda,
don Xácome Mazcareñas,
señor de catorce vilas.
Home de fárragos vellos,
na corte do Rei vivía,
pois gallego como hai moitos,
dáballe noxo Galicia.
Sólo dela se acordaba,
si algunha ves o faguía,
pra cobrar rendas e foros
sin aviso e por xusticia.
Por estas falcatruadas
todos olleira lle tiñan,
e cando cara a Madril,
aló polo vrau, saían,
en carros acugulados,
diñeiro, graus e fariñas,
os probes dos levadores,
que naqueles carros vían
irse as mizquiñas ganancias
con que seus fillos mantiñan,
de traballar eslombados,
mentres os carretos se iban,
quedaban pra sí dicindo:
"¡Que de solimán che sirvan!"
Entre a baixa servidume
que don Xácome mantiña
pra que lle coide dos eidos,
dos bes e das regalías,
estaban Martiño e Rosa:
el pra faguer as vendimas,
prás sachas e prás decotas
dos xardís, hortas e quintas,
i ela pra gardar o gando
nas carballeiras veciñas.
Dos dous solasmentes Rosa
dentro o castelo vivía.
Martiño tiña vinte anos
e Rosa dezaséis tiña,
el era un mozo arrogante,
i ela un feitizo de linda;
nunca tiveran amores,
i anque por ela bebía
os ventos Xan de Ventraces,
Rosiña tomábao a risa.
Orfos antrambos a dous,
sin amparo nesta vida,
servindo os dous ó mesmo amo
topáronse certo día.
De estonces, Martiño e Rosa
sentiron a alma ferida,
e quizais que se morreran
de mal de malenconía,
si unha mañá non quedaran
noivos ó saír da misa.
III
Moito deben de quererse
os criados de Mazcareñas,
moito deben de quererse
cando tanto parrafean.
Tódalas noites sentados
nun grande poio de pedra,
están parolando solos
ó pé do castelo el i ela.
Mentira ou verdade, il corre
dendes da vila hastra a aldea,
que pra no outono casárense,
teñen a roupa xa feita;
pero hai quen xura e perxura
(nunca faltan malas lenguas)
que deica que os namorados
sallan xuntados da igrexa
han de pasar moitas cousas
i han de nacer moitas herbas...
Mala cousa é neste mundo
a condenada da envexa,
mais non van descamiñados
os que o casamento negan:
pois unha noite de lúa,
noite caladiña e fresca
do mes de Santiago, cando
todas son frores as veigas,
todo é aromas o campo
e doce música a terra,
na praza de Vilanova,
do castelo ond’a cancela,
Martiño e Rosa falaban
de semellante maneira:
-Martiño, ¿que diaño
tes hoxe? ¿Non falas?
¿Pra estar com’o moucho
viñeche da sacha?
Si cando te fuches
noxado n'estabas,
¿qué frema trouxeche
do monte prá casa?...
¿Picoute unha cobra?
¿Guindoute unha galla?
¿Saíronche os lobos?
¿Botáronche a fada?...
Respunde, Martiño,
¿qué tes, que te calas?
-Non sei como te oio,
garduña eslavada,
non sei cómo te oio
¡i estoume con calma!
¡Que teño! ¿Qué teño
pergúntasme, maula?...
¡Que teño! Direicho...
Pois... ¡ténoche lástema!
¡Treidora!
-¡Dios mío!
-Fiai de rapazas
que din que vos queren...
¡Fiai de palabras!...
-¡Martiño!
-O Martiño
n'impórtalle a nadia!...
-Pero, home, ¿toleas?
¡Asús, qué disgracia!
¡Veciños!...
-¡Non berres!
¡Non berres... e cala!
-Pero, home, si cousas
me dis que me espantan...
¡Si mesmo dás medo!
¡Si os ollos che saltan!
Martiño, ven, séntate,
sosega, descansa;
eu nada che figuen
pra o mal que me tratas.
Soliña no mundo,
de nadia mirada
¡faltábaine agora
que ti me deixaras!
Pois eu ben te quero...
¡Por eso non marra!...
-Ti quéresme moito...
Rosiña... rosada...
Ti quéresme moito...
Ti dícelo... e basta.
O mesmo dixeches
a Pedro Balada,
i a Xan de Ventraces
i ó amo da casa,
cando hai ano e medio
veu ver a labranza...
¡Que nunca el viñera!
¡Que nunca el chegara!
-¡Santísimo Cristo
de Ourense me valla!...
-Pra que hoxe te axude
xa é tarde, rapaza.
I eu, tolo, quería,
i eu, tolo, pensaba
casarme contigo...
¡Miniña da casta!...
-Martiño, anque probe,
faltar non me faltas.
¡Pois coida o que pensas!
¡Pois coida o que falas!
Pra bulra, xa abondan
seis meses de palra...
¿Que Xan, nin que Pedro?
¿Ti seique tes gana?...
No, pois... ¡Esmiólame
co rabo da sacha,
mais déixame a honra,
que é cousa sagrada!
¡Ai! Ti andas, Martiño,
con malas compañas
ti xúntaste agora
con xente malvada
e crés esas lenguas
peores que a rabia!
Fas ben, xa que podes.
Dende hoxe n'hai nada
de canto prá boda
decirche esperaba...
Tocante á limpeza
¿e pois qué pensabas?,
¡cristal nunca viche
que á miña egualara!
-Rosiña!...
-¡A Rosiña
n'impórtalle a nadia!
I adiós. Si autra queres...
porveito che faga.-
Desta sorte marmurando
Rosa, de esconsolo chea,
facendo como que ría
entrou no castelo á présa;
pero anque fai que fagamos
pra que se lle non coneza,
ela vai limpando os ollos
mentres que rube a escaleira.
Na porta, com’unha estauta,
Martiño mórdese a léngoa,
i anque tose i asubía,
como quen non sente penas,
unha da boca lle sai
i outra no corpo lle queda...
Cando por fin, acordando,
pensou no que lle arrodea,
dixo, falando consigo:
"Ou mente Xan, ou mente ela"
E logo, tirando ó chau,
desesperado a monteira,
añidiu: "No, pois... si Rosa
ten do cristal a pureza,
¡xuro a Dios, Xan de Bentraces,
que che hei de arrinca-la léngoa!”
IV
Namentres, ¡coitadiña!, a nena namorada,
de pena esmorecida, chorando a fío está;
mais vive do castelo na cámara aleixada
e naida dos seus males se compadecerá.
¡Miraina! Polo lombo caíndolle o cabelo,
os ollos arrasados, partido o corazón,
meteuse no seu carto, pechou co tarabelo
i está, ¡miña cousiña!, xemendo nun rincón.
Da alcoba en que ela dorme pola alta lumieira,
de albahacas tapizada, mapolas i alelís,
esbara o branco raio da lúa pracenteira
i o recendente aroma da campesina bris.
Dalí, Rosiña escoita o burbullar do río
que do castelo preto dende us penedos cai,
dos paxaros da noite o resonante pío
i a música que o vento nas alboradas fai.
Mais ten tan consumido o corazón de pena,
que en nada topar pode consolo nin pracer,
e chora que te chora, com’unha Madalenal,
dá lástema, abofellas, dá lástema de a ver.
Primeiro desengano do noso amor primeiro,
que trás contigo o frío dunha mañá sin sol,
¡tu rosnos como os vermes a fror do laranxeiro,
i o corazón nos trocas en seco pirifol!
Por onde pasas deixas a baba corrumpida
da lesme venenosa, amarga com’a fel,
convirtes nun infemo a máis hermosa vida,
detrás de ti non queda sinón fastío cruel!
No peito remordida por ese desengano,
Rosiña desbautízase, murchada de pesar;
enxúgase as bagullas ca punta do seu pano
i escrama moitas veces, volvéndoas derramar:
"Eu, que así Dios me salve, s’entendo o que me dixo!
Dalgunha malquerencia calunia debe ser,
porque eu xurar xurara, ó pé dun Crucifixo,
que a nadia máis que el quixen, nin penso máis querer.
Si probas me el pidira e darllas eu pudese;
s’arquiña das virtudes poidéralle amostrar,
vería que, gardada, anque a el non lle interese,
aquela virtú teño que é meu deber gardar".
De solouzar ó cabo e pelexar cansada
con tanto pensamento que na cabeza ten,
a coitadiña Rosa deitouse apesarado,
no cabezal chantando a fatigada sen.
Pouquiño a pouco os ollos fóronselle pechando,
doíñas acendidas na lus dun puro amor,
i á Virxen entre dentes unha oración rezando,
quedouse adormecida nun sono encantador.
Estonces, unha Señora
toda de lus rodeada,
de estreliñas coroada
que como diamantes son,
cun mantelo na cabeza
de pano negro, moi lindo,
caladamente, surrindo,
entrou pola habitación.
Nunca se víu neste mundo
máis feiticeira criatura,
nin pra tan grande hermosura
comparación pode haber:
por ollos ten dous luceiros,
por dentes pelras dos mares,
por greñas raios solares,
por risa... un amañecer.
Das orellas pendurados
leva us aretes de lume,
e por gallega costume,
dengue de pano sedán;
zoquiños de pau de almendro
nos pés de feitura enana,
i ó cinto unha muradana
con plegues que xenio dan.
Pasiño a paso, chegouse
á cama en que dorme Rosa,
e botándolle graciosa
unha mirada de amor,
díxolle cun tono brando
que música parecía:
"Rosiña, a Virxe María
traiche consolo e favor".
"Eu ben sei que a túa ialma
está cuberta de loito;
eu ben sei que sofres moito
porque hai quen duda de ti;
pero eu, que dendes do ceo
coido daquél que me chama,
eu farei -¿si?- que a túa fama
quede cal foi hastra aquí".
"Non chores, miña pequena,
non chores máis, pastoriña;
eu velo por ti, miniña,
ti da miña conta estás.
Martiño estará pesante
mañá quizais do que figo;
pasado, serei contigo
no monte, si ó monte vas".
Calouse Nosa Señora
i envolta en dourada nube,
rube... que rube... que rube,
perdeuse na inmensidá.
Rosa quedouse dormindo
a seu pracer e regalo.
Pronto espertará: xa o galo
cantou. ventando a mañá.
V
-Moito madrugas huxe-,
dixo Xan de Ventraces a Martiño,
topándoo cunha cara de forruxe
pola mañá moi cedo nun camiño.
-Nunca fun perguiceiro-,
repúxolle Martiño de mal modo,
porque Martiño é pouco paroleiro.
-Pois fillo, así e todo,
óutro-lo seu negocio fan primeiro...
-Ande eso... ¡qué lle queres!...
Si foran como ti tódolos homes...
-Olla, a mal non mo tomes,
mais... tes pouco partido entre as mulleres.
-Xan, levo moita présa,
porque teño que faga na devesa.
Vou pra Porto de Outeiro,
que sinón, ten presente o que che digo:
sobre esas i autras cousas que me calo
moito tería que falar contigo,
moito que agora vale máis calalo...
¡Ouga! ¿Xa te enrabuxas?
Ai, Martiño, calquera que te escoite
e ben non te coneza,
dirá que non tes miolo na cabeza
a forza de pensar dende onte á noite.
Ó meu conto volvendo,
Com’ antes che decía,
non hai unha muller que non se ría
do parviño que es ti...
-En non te entendo.
Fala craro, si sabes;
pois, o demo me leve,
si dende que me dis cousas tan graves
me non tes tiritando, com’ a neve.
¿Conque... dis que as rapazas do concello
falan por aí de min? ¡ Mirai o diaño!
¡Pois estouche servido!...
Pero teño entendido
que inda me qués cal quer o lobo ó año.
¡Qué lle hemos de facer! I eu que creía
que nadia que talar de min tería...
-¡Ma... canté! Pero vives enganado,
porque onte á noite aíña,
díxome en certo son certa veciña
falando de que estabas namorado,
que máis sorte que ti tíñaa calquera,
esguízaro mirrado,
de pernas tortas e de cara fera.
"I esto ben se adiviña
–dicíame a rapaza do relato
porque despois de que a levou o gato,
é cando el vai en busca da sardiña..."
-Cálate, Xan, e vaite, que inda é cedo
pra que contigo un escarmento faga;
non afondes a chaga...
non me fales xa máis dise segredo
que pesa sobre min com’ unha praga...
No meu pelexo ponte:
¿non che abondou canto dixeches onte?...
Líscate, Xan, líscate axiña, pronto;
Que, sin que nadia o note nin sospeite,
cando me fagas falla, buscareite...
porque che teño que contar un conto...
¡Ladras ben.... rabearas!
Mais, si cal tes maldá tiveras forza,
as probas do que dis xa me amostraras
sin agardar que a gorxa che retorza.
-Martiño, ¿logo pícaste?
Folgárame de ver que eras valente,
porque inda hai quen che di -¡cousas da xente!-
que cando cun te atopas... esfurrícaste...
-Ó que che diga tal, dille que mente...
Eu nunca de gabarme fun amigo,
nin loitas deprendín, nin o pau xogo;
pero o que me fixo unha -¡olla o que digo!
quer quixera, quer non, pagouma logo.
Si ti crerme non queres,
o mal será pra ti; pois che prometo
que si de hoxe nun mes conta non deres
da honra de Rosa, á que furtache o creto,
¡heiche crava-la lengua nun espeto
para escarmento de homes e mulleres!
-¿E verdade o que dis?
-Non cho repito.
-Pois entón... ¡hastra agosto!
-¡O dito... dito!
Desta sorte falando
Xan de Bentraces i o infelís Martiño
fóronse separando,
e sin decir máis nada
colleron cada cal por seu camiño,
Mairtiño triste, Xan asubiando.
O día crarexaba;
do sol, que a relumbrar encomenzaba,
unha franxa marela
polos altos petoutos se estendía;
a brisa nas silveiras rebuldaba,
i alá no ceio -pendurada estrela-
chilraba aletexando a cutuvía.
Do lado de Levante
de sombra e lume pavellón flotante,
vai correndo mainiña, mainamente,
tapando os hourizontes, negra nube,
e dela por didiante
trévoa de fogo ardente
esparxe húmedo cheiro a terra quente.
Martiño camiñaba
máis triste cada ves, a toda présa.
¡Cantas bágoas choraba
por aquel camiñiño da devesa!
"Querer unha rapaza hermosa e pura;
pedila por muller con cortesía;
ir forrando prá boda e máis pró cura;
gardarlle lei un día i outro día;
respetala, adorala con loucura;
pegar por ela choutos de alegría;
e cando un está lévedo, ceguiño
pola amorosa febre,
escoitar unha noite nun camiño:
"Non te cases, Martiño,
si non queres levar gato por lebre...
"Traballar toda a vida;
andar bregando sempre coesta aixada
pra conservar sin lixo, ennobrecida,
a limpa fama de meus pais herdada,
e de pronto escoitar de boca allea
unha mañá, no medio dun camiño:
"Mira o que fas, Martiño,
que che se rin de ti por toda a aldea...
"Ai, coestes comparados,
nada os tormentos son dos condenados!
¿Será verdá, Xan de Bentraces?... ¡Dimo!
¡Ten piedade de min, destas bagullas,
deste inferno en que ximo,
devorado por dentes com’ agullas!
Eu non sei si te crea,
pero..., ¡Virxe María!,
si dixeses verdade, en morrería...
¿Sera-lo demo?... ¡Arrenegado el sea!"
Así decindo o mísero labrego,
sin calma nin sosego,
meteuse na devesa decontado,
e do seu sacho armado
comenzou sin refolgo o seu trafego.
Levaba xa Martiño,
rapaz de moito aguante,
sete horas de traballo seguidiño,
cando nesto, de vento un remuíño
ergueu a terra pola veiga adiante.
A densa polvareira
oscureceu o sol por un istante,
i estremecendo val e carballeira
rachou a negra nube de Levante
o rouco son dun trono frameante.
As gárgolas do ceo
esgazáronse entón e do seu seo
tanta chuvia mandaron
que as hortas se arrasaron,
o río esbordou, cheo,
i os álbores i as prantas esfollaron.
Na tempestade aquela
caía com’ on raio cada gota
i en ningures se viu outra como ela.
Martiño, arripiado,
no ventre se meteu dunha cañota.
¿Qué lle importa ó coitado?
Si está da auga do ceo agarimado,
¡ai!, ¡non o está da que dos ollos bota!...
“¿Poidera ser,decía,
poidera ser que Rosa me enganara?
Rosa, por quen daría
canto Noso Señor no mundo cría,
hastra un reino, s’ en sorte me tocara?
Non pode ser; non pode ser, de fixo.
Pura com’ un cristal, dixo onte á noite.
¡Pura com’ un cristal!... Cando mo dixo.
non hai razón pra que coa duda loite".
Brillou entón, de súpeto,
nos ceos un relampo,
que esparexendo a brétema
nun raio reventou.
Ardeu en fogo a atmosfera,
alumiouse o campo
i esnaquizouse o álbore
en que Martiño entrou.
Da labazada eléutrica
que lle espidiu o raio,
Martiño cego, atóneto,
caíu tumbado ó chau.
Mais logo, repoñéndose
do natural esmaio,
xusgándose cadávere
levouse ó peito a mau.
Pouquiño a pouco os párpados
abrindo, persinouse,
i ó ver pasada cáseque
tan forte tempestá,
saniño e salvo véndose,
da terra levantouse
e da cañota cóncava
saíu tranquilo xa.
Mais inda ben, ¡meu ánxele!,
non dera unha zancada,
cando trasposto en xúbilo
no chau se acrequeñou.
-¡Nunca eu nacera!... díxose,
e recadando a aixada,
unha non vista endrómena
da terra levantou.
Era unha pedriña pedra,
era unha pedra pedriña,
com’ un ovo de galiña
tallado en fino cristal;
unha pedra primorosa,
elíptica, limpa, pura,
de artificio e soldadura
sin siquera unha sinal.
Mirada dendes de lonxe
reloce com’ un diamante,
parece de algún xigante
ollo sin párpado, atrós;
pero mirada de preto,
sospende, ademira, espanta,
vendo nela a imaxe santa
da bendita Nai de Dios.
Non é un coíño formado
polos gotexos da terra,
nin en canteira nin serra
puido topalo ninguén.
Non é unha pedra de neve
que a calor derretería,
nin salación, que tería
outra forma da que ten.
Non é un aerolito ardente,
anaco de pedra estrano
cuio orixe soberano
iña se non alcontrou.
Non é volcánica lava,
que fora de cor máis louro,
estalacta, nin metouro...
nin o diaño que o inventou.
Esta é unha pedriña pedra,
esta é unha pedra pedriña,
tan rara, tan pulidiña,
com’ outra no orbe non hai.
¡Mesmo parece unha bágoa
dos ollos de Dios caída
pra se quedar convertida
en cárcere de súa Nai!
¡Que hermosa está dentro dela,
que linda Nosa Señora!
¡Con que gracia sedutora
deixa seu sembrante ver!
Por ollos ten dous luceiros,
por dentes, pelras dos mares,
por greñas, raios solares,
¡por risa... un amañecer!
Vendo tanta marabilla
metida en tan curto espacio,
en tan pequeno palacio
tanta grandeza de Dios,
Martiño, pasmado todo,
tomando o cristal a peso,
escramou: -" ¡Ande por eso!...
¡Ande por eso... ollai vós! "
Quíxose pór de arrudillas,
quixo quitarse a monteira
e gardar na faltriqueira
o milagroso cristal;
pero dos seus pensamentos
segunda ves asaltado,
decindo: -"¡Estou rematado!",
tirouno dun saque ó val.
"Non, continou, Dios non quere
que logre a miña demanda;
xa Dios á súa Nai non manda
prós namorados valer.
Eses foron outros tempos...
i ese cristalino gaio
foi... a chizpa daquel raio
¡que me debera fender!"
Nesto veuse vindo a noite,
i arrematada a faena,
Martiño, sempre con pena,
foise indo cara ó lugar;
e cando entrou pola vila
dixo de remordos cheo:
"Será un aviso do ceo?...
¡Non che quixera apostar!"
VI
S’ a tradición que sigo nalgo non mente,
das escenas pasadas ó día siguente
pola mañá,
dun salgueiriño á sombra sentada, fiando,
no val de Vilanova gardando o gando
Rosiña está.
Inorante de canto lle acontecía
ó probe de Martiño, por quen sofría
soedades mil,
Rosa, na cinturiña cravada a roca,
mazaroca fiando tras mazaroca,
pensaba nil.
E mentres que en suspiros lanzaba ós ventos
os ais que lle arrancaban seus pensamentos
tristes, crués;
polo campo os cabirtos corretexaban
i as vacas i as ovellas depinicaban
toxo e cardés.
Coitada pastoriña sin paz nin calma,
¡cantas feles no fondo da túa alma
deixa o amor!
¡Cantas sombras no ceo dos teus encantos!
¡Cantas bágoas nos ollos -¡vállante os santos!-,
cánto delor!
Orfa desque naciche, triste, esfameada,
anque probe hastra agora, túa vida honrada
por ti falou.
¿Qué che importou das touzas dormir á sombra?
¿Qué che importou de espinos pisar alfombra?
¿Qué che importou?
Todo o pasache rindo... Todo se pasa
mentres que quede a honra dentro da casa;
pero ¡ai de ti!,
despreciaches un home por pretendente,
e destonces túa fama, de xente en xente,
vai por aí...
¿Que fixeches, Rosiña desventurada,
que fixeches?... ¿Estabas empecatada
pra tal faguer?
Despreciar por Martiño, Xan de Bentraces...
Non sabes do que os homes che son capaces,
¡probe muller!
"Traballar toda a vida desosegada
pra conserva-la honra de avós herdada,
santa virtú,
e cando unha co noivo ten parrafeo,
escoitar que nos dice: -Xa en ti non creo,
¡Rabearas tu!
"Ir comprando prá Voda todos trebexos,
todo o día toparse do noivo lexos
morta de afán,
e cando a noite chega prós namorados,
escoitar que nos dicen labios amados:
¡Vaite con Xan!
"Non hai pena como’ esta tan horrorosa,
¡non hai pena como’ esta!" -marmura Rosa
no salgueiral.
E de pronto a coitada pró chau mirando
recolleu de entre as herbas, toda tembrando,
aquel cristal.
“¡Asús, que galanura! -repuxo- ¿Estarei cega?
¿Vestida de gallega a Reina da hermosura,
na miña mau, afé?
¡Non pode ser! ¡Toleo!... Rirase o que llo conte;
pero eu soñei nantronte que viña dende o ceo
da miña cama ó pé.
"¿Será verdade, Rosa? ¿Metida nun oviño
tan piquirriquichiño, tan linda, tan hermosa
como a mirei entón?
¡A mesma muradana que lle caía tanto!
¡O mesmo dengue!... ¡o manto de terciopelo ou pana!
Non estou tola.... non.
"S' en torno non pacera, mirándome, meu gando,
que estou inda soñando dixérase calquera...
¡Asús! ¡Vaia que ser!
¡Que olliños, que mirada, que beizos, que cabelo,
qué orellas, que mantelo, que frente anacarada,
que diaño de muller!
"E mira... e rebuldexa... e rise a Santa Imaxe...
¡Como me amostra o traxe! ¡Como me parpadexa!
¡Algo me vai pasar!
¿Qué dis?... ¡Falarme quere! ¿Escoitareina?... ¡Cala!
¡Pois é verdá que fala!... ¿Señora?... ¡O que quixere!
Xa estouvos a escoitar.
“¿Que acoda á cita? ¿E logo? ¿Que vén por Dios mandada,
pra que me vexa honrada o que en celoso fogo
xusgoume criminal?..."
¡Señora! Unha pastora, baldón de toda a xente,
non era merecente de ter tal defensora...
Pero... falai, si tal.
¿Que quer que lle levanten no val unha capilla?
¿Que quer que de arrudilla lle recen e lle canten?
Pois ben, querida, ben.
Pero... calouse... ¡axiña! ¡Xa non, xa non a escoito!
¡Quizais non fale moito, com’ é tan piquiniña!...
Pero, ¡que gracia ten!
"Pois ela algo me dixo de que eu no me recordo...
Non teño ouído xordo, mais eu non sei de fixo
que palabriñas son...
¡Mamá!... "Prós que non amen serei sempre invisible
-decía- i é imposible que falte ós que me chamen
de todo corazón..."
"¿Qué farei eu, coíño, que agora máis che agrade?
¿Levarte ond'o Abade? ¿Levarte onda Martiño?
¿Que diaños eu farei?...
Teique, ovelliñas, teique... To aquí, chiviña trenca...
¡Cardosa! ¡Aquí, xuvenca!... ¿Quéreste bulrar, seique?...
¡Ei pró cortello, ei!...
VII
Unha noite azul de agosto
como de vrau regalada;
Vilanova dos Infantes
toda é bulla e algazara.
Nunca misteriosa lúa
verteu por lus tanta prata,
nin nas silveiras a brisa
esparramou máis fragancia.
Pola praza e polas rúas
as mozas cantando pasan,
i os mozos van detrás delas
dando atruxos e palmadas.
Imporvisando un turreiro
á porta de cada casa,
por todas partes se escoita
son de pandeiros e gaitas.
De legua e media á redonda
os mociños da montana
saúdan aquela festa
coa lus dos fachós de palla.
As vellas de toda a vila
sán dos balcós ás varandas
i os nenos emporranchiños,
coa cabeciña rapada,
brincando e choutando enrédanse
entre as pernas dos que bailan.
Esta noite os zapateiros
non queren colle-la chaira,
nin as rapaciñas fían,
nin os forneiros amasan.
Esta noite en Vilanova
é noite de fuliada;
que así o dispuxo o Concello
i o señor Abade o manda.
O Abade de Vilanova,
que don Xan de Barros chaman,
pra congregar ós frigueses
mandou toca-las campanas.
Encasquetado o bonete,
vestido de estola e alba,
subiuse ó púlpeto e dixo
ós que debaixo escoitaban:
-Irmauciños, xa sabedes
como fai catro somanas
se dinou Nosa Señora
por medio dunha rapaza
vir visitar esta vila
pra facer nela morada.
De tanta mercé asombrado
como Dios nos dispensaba,
o señor Bispo de Ourense
quixo ve-la imaxe santa;
pero correu tantas terras
neste tempo a súa fama,
que cando o Bispo faguerlle
unha capilla pensaba,
o Rei don Fulipe Carto
que hoxe en paz goberna España,
coidando non fose certa
marabilla tan sonada,
mandouna pedir de présa
pra vela i adimirala.
Eu mandeilla moi envolta
entre outras reliquias váreas:
o Rei mirouna, tocouna,
volveu a vela e tocala,
e con ollos relampados
i a lengua de media vara,
dudaba de canto vía,
como Dídimo dudara.
¿I entón que fixo? Temendo
que o cristal en que encerrada
está a Virxe fose cousa
en que pudese haber trampa,
chamou ós máis afamados
artífices á súa cámara,
díxolles que saminaran
o cristal con toda calma,
e declarasen en autos
canto de raro notaran.
Así se fixo: prateiros
e péretos da Real Casa,
homes de letras e cencias
xuntáronse nunha sala
do seu Pazo, na presencia
de mil xentes cortesanas,
e despois de grande estudio
i adimiraciós sin tasa,
dixeron todos a unha
que o que de ver acababan
non tiña no mundo enxempro
i así, que o cristal i a Santa
eran de orixe divino,
pois outro non lle atopaban.
Despois deste xuramento
todos caíron ás prantas
da nosa Virxe, i estonces
Rei, cabaleiros e damas
fixéronlle ofrendas ricas
de xoias, de ouro e de prata,
pra que se lle erga unha ermida
no eido en que foi topada.
Todos estes pormenores
damos o Rei nunha carta
que unha posta de Madril
mesmo de entregarme acaba.
A virxe xa volve estare
en Vilanova: ¡adoraina!
E namentres que os pedreiros
non lle levantan a casa,
vinde rezarlle a esta igrexa,
Virxe co Cristal chamándoa.
I agora ídevos con Dios-,
e deste día en lembranza,
hoxe e mañá, si Dios quere,
ninguén na vila traballa.
O mesmo quer o Concello,
cedendo ás miñas istancias.
De darvos a mesma orde
o pregoeiro se encarga".
Cando da igrexa saíron
cantos dentro dela estaban,
Martiño foise rondare
de Rosa baixo a ventana.
Rosa estaba no castelo,
de xentes arrodeada,
porque com’ era bonita
e vive en fama de santa,
dendes que gardando o gando
no val á Virxe topara,
a todos lle gusta, e todos
van, pra que peque, a tentala.
Xa fixo un mes que Martiño
tivo con Rosa palabras,
e inda as paces non fixeron,
porque a tesón nadia os gana.
pero Martiño está seco
de celos, com’ unhas pallas,
e non pode aturar máis
un mal de que el mesmo é causa.
Por eso, com’ arastora,
veu moitas veces de husmada;
pero Rosa, ou non o vía,
ou por non velo, esviaba.
Levaba agora de espera
bo anaco baixo a ventana;
pero Rosa non saía;
com'o outro que di... nin ganas.
Martiño tose que tose...
Martiño canta que canta...
Pasea que te pasea...
Pero o que é Rosiña... ¡nada!
Alá arriba o coitadiño
ouía gromas e cántigas,
e cecais Rosa se ría
mentres el se enrabexaba.
Por fin, cando xa Martiño
se iba meter na súa casa,
Rosa somouse, i estonces
trabaron estas palabras:
-Gracias a Dios, miña Rosa...
¿Dásme un ramiño de albahaca?
-Cando o que podo me piden,
nunca neguei nada a nadia.
-Dios che faga tanto ben
como lle dás á miña alma;
que dende que te non vexo
parece que algo me falta.
-Non te me veñas coesas,
Martiño, que... todo acaba...
¿Non te acordas xa da noite
que treidora me chamabas?
-¡Ai! Bo castigo me deches
i outro máis grande esperaba.
Dudei de ti.... un mal amigo
díxome... ¿quén non dudara?
Pero ese crime... custoume
si viras... ¡ai! ¡tantas bágoas!...
-¿I arrepentíchete?
-Escoita:
esa noite malfadada
dixécheme: "Estou tan limpa
com'un cristal". ¡Ben falabas!
Porque á mañá do outro día,
sin que ti mas amostraras,
Dios mesmo me daba as probas
da pureza da túa alma.
O cristal que ti alcontraches
antes de que ti o alcontraras,
eu cho topei, eu cho tiven
nesta mau callosa i áspora,
eu fun quen o vin caíre
i eu quen o tirei con rabia,
sin conecer... ¡malos demos!
cánta grandeza encerraba.
¡Ti si que sorte tiveches...!
Dio-lo quixo i é moi sabia
súa divina voluntade.
-¡Quen sabe si me chamaba
Dios pra si desa maneira,
Martiño!
-¿Que dis?... ¿Que falas?...
-Non xures por Dios, Martiño.
-¿Pensas morrerte, rapaza?
-¡Non, pero a conta éche a mesma:
penso casarme!...
-¡Acabaras!
Pois o que é por min... agora
mesmo, si queres.
- Fai falla
ter dote: o señor Abade
de aprontarma deu palabra.
-¿Dote? Ti non a precisas.
-Pois xa che vendín as saias
i o pano de frores... todo,
pra que haxa na festa gaita.
-¿Logo vas casarte emporra?
S'en ves de vender, compraras...
-É que... pró meu casamento
abóndarne unha mortaxa.
-¡Ouga! ¿Casarse é morrere?
-Cando con Cristo un se casa,
morre pró mundo...
-¡Rosiña!
¿Monxa ti?...
-¡Martiño, cala!
¡Cala... e vaite! S’ eu non puden
¡que outra felice te faga!
-¿I así... me deixas..., Rosiña?...
-¡Martiño.... a Virxe mo manda!
VIII
Nesto, Rosa arretirouse
da ventana do edificio,
deixando teso, na rúa
ó desdichado Martiño.
Páledo, sombrío, atóneto,
Com'un mámore de frío,
sin pestanexar siquera
cravado está naquel sitio.
Estonces unha risada
bulrona chegoulle ó ouído,
risada de lobo farto....
risada de cucudrilo...
-¡Raxo de Dios! -dixo ó punto,
todo en cólera acendido
¿Quén se ri?
-Xan de Bentraces.
-¿Ti, ladrón de honras?
–O mismo.
-¡Fólgome! Así com’ así,
teño unha deuda contigo
e vouna cumprir agora.
-Cantas queiras. Veño listo.
-Pois abonda de parola.
-Abonda, o mesmo che digo.
-Cara a Soutoverde, Xan.
-Cara onde queiras, Martiño.
IX
Pola mañá do outro día,
no monte de Soutoverde,
por cima de Vilanova,
non se cabía de xente.
Alí todos asombrados,
rapaces, homes, mulleres,
miraban coa boca aberta
unha cousa que estremece.
Sobre o marco dunha herdade
cravada unha estaca vese,
e dela no cuturiño
está unha lengua pendente.
Us din: "Polo que é de longa
a dunha besta parece".
o outros: "Parece a dun bácoro
según o sangue que verte".
Estando nestas e noutras
sin saber como, correuse
que era de Xan de Bentraces
aquel cativo presente.
Pois pola mañá moi cedo,
Xan, derrengado, morréndose.
chegou á vila mostrando
non ter a lengua entre os dentes.
Cando esta nova se soubo,
moitos lástema lle teñen,
pero moitos máis excraman:
¡Ben feito, pra que escarmentes!
A xusticia andivo tola
procurando o delincoente,
mais como Xan non falaba,
non pudo darse coele.
Martiño fígose o zorro,
e cando a que tanto quere
foise a Allariz meter monxa,
el, anamorado sempre,
foise detrás, pra vivire
do seu conventiño enfrente.
¡Pobre rapaz! Unha noite
do frío e triste decembre,
da profesión de Rosiña
pasados xa cuatro meses,
Martiño, ó pe do convento,
ardendo en morosa febre,
estaba mirando a reixa
da celda en que moitas veces
se lle figurou de Rosa
ver o sembrante celeste.
Pensaba que tralas pedras
daquel recinto solene
habería quen sentise
da mesma sorte que el sente,
sin conocer que as miniñas
que a vida a Cristo lle ofercen,
deixan á porta os amores
cando no claustro se meten.
Nevaba. Mainiñas mainas,
quediña, quediñamente,
iban caíndo.... caíndo...
as folepiñas da neve.
Moito os ollos as regala
e moito a cabeza ergue,
pero na reixa da celda
nada Martiño destengue.
Semper fitando, fitando,
nin a refolgar se astreve,
e por pensar na súa Rosa
hastra do frío se esquece.
Tras unha hora, outra hora
vai pasando lentamente
i el, nin se move do sitio,
nin se coida da entemperie.
De ves en cando o coitado
sin darse conta, estremécese,
arripíaselle o corpo
e bate dente con dente.
Vales, outeiros e montes
bórranse e desaparecen
i on branco sudario, triste,
por todas partes se extende.
Acolá enriba, na reixa,
todo é escuridá entramentres;
nada se sinte, nin nadia
detrás dos ferros parece.
Martiño naquel istante
ver a Rosa parecéndolle,
quixo falarlle... e non pudo...
Asuspirou... e morreuse.
A neve que nel caíra,
foi facendo del a rentes
unha foxa que o tragaba
dendes dos pés hastra a frente.
Sobre o seu corpiño morto,
quediña, quediñamente,
iban caíndo.... caíndo...
as folepiñas da neve.
X
Leutores, s’ olvidando do mundo os traballiños
vos fordes de paseo de Vilanova ó val,
entrade respetosos, entrade caladiños
na primorosa ermida da Virxe do Cristal.
S’ escasos de fortuna bicades a súa pranta,
si a visitala vades faltiños de salú,
secorreravos logo a milagrosa Santa;
no mundo non hai outra que teña máis virtú.
De tristes agarimo, de probes esperanza,
dos namorados guía, sostén do labrador,
canto de Dios quixere, tanto de Dios alcanza;
non hai quen lle non deba consolos e favor.
Cando eu era pequeno, por miña nai levado,
da aparición pedínlle a lenda celestial;
si cal a deixo escrita non for do voso agrado,
a culpa non botedes á Virxe do Cristal.
"Aires da miña terra"