Mosteiro de San Salvador

 

 

 

Poder monacal, esplendor barroco e procesos desamortizadores

 

 

 

Popularmente coñecido como mosteiro de San Rosendo, é un dos maiores exemplos do esplendor barroco galego dos séculos XVII e XVIII. Consta de dous claustros, unha igrexa e unha torre abacial. O primeiro dos claustros (de carácter procesional e asentado onde anteriormente puido existir outro de estilo románico) comezouse no século XVI e rematouse no XVIII. É obra de varios autores (entre eles, Rodrigo Gil de Hontañón e Antonio Palacios). Posúe unhas magníficas bóvedas tardogóticas edificadas no XVI, así como unha exuberante decoración barroca do século XVIII de influencia compostelá hacia o patio interior. O segundo dos claustros (coñecido como “Poleiro”) rematouse tamén no XVIII (concretamente, no 1722). Destaca aquí a enorme balconada e a biblioteca. Hoxe, este segundo claustro alberga un centro de estudos de secundaria.

O que máis sobresae de todo o conxunto monacal da Idade Moderna é a igrexa, comezada no XVII e rematada no XVIII. Aséntase nun lugar onde debeu haber previamente construcións medievas que se perderon coas reformas levadas a cabo durante os séculos XVI a XVIII. Na devantida igrexa, sobresaen o retablo maior (atribuido a Castro Canseco), dúas sillerías (dos séculos XVI e XVIII, respectivamente) e unha relevante caixa de órgano con dúas fachadas de estilo rococó (obra do século XVIII). Dentro de dita caixa, ubícase un órgano de comezos do século XXI habilitado para a celebración de concertos.

  • Ubicación: Praza Maior de Celanova.
  • Acceso: a igrexa e o claustro barroco ou procesional está aberto ao público durante o día. Tamén se pode acceder a través de visita guiada. Horarios aquí.

Ademais disto, pódese visitar unha exposicións permanente ubicadas no mosteiro, dentro do horario da Oficina de Turismo. Consultar neste enlace..

«Rudesindus»
Pinturas de José Antonio Ocaña Martínez sobre a vida de San Rosendo (fundador de Celanova)

Complementa a túa visita

A torre abacial (coñecida como “das campás”) pódese visitar por separado. Ademais da fermosa vista que ofrece esta visita, tras o remate do ascenso pola escaleira de caracol é interesante poder ver de preto o que queda do mecanismo do reloxio de corda instalado antes de 1.830.

  • Ubicación: no propio mosteiro, entre a igrexa e o claustro procesional.
  • Acceso: en horarios establecidos. Para coñecelos, pinche aquí.

Torre das Campás do Mosteiro de San Salvador (San Rosendo)*Parte das vistas dende o alto da torre.

GUÍAS DE INTERESE:

Celanova. Monasterio de San Salvador Ourense. Antonio Piñeiro Feijoo e Miguel Ángel González García. Á venda por 10€ (existe a posibilidade de adquirilo na Fundación Curros Enríquez)

Celanova. X.L. Méndez Ferrín, Xosé Benito Reza e Vítor Vaqueiro. Á venda por 10€ (existe a posibilidade de adquirilo na Fundación Curros Enríquez)