Celso Emilio Ferreiro

 

 

(1912-1979)

 

 

 Da época franquista, da emigración, da loita e do amor, tanto pola súa terra como pola súa muller, nace a obra deste autor tan recoñecido en Galicia.

Nace e medra en Celanova
Celso Emilio Ferreiro Míguez nace o 4 de xaneiro de 1912 no medio dunha familia acomodada. Fórmase no colexio dos P.P. Escolapios na súa vila natal, e sendo mozo tomará contacto cos intelectuais que facían tertulia no café «Roma» de Ourense, tratando así a Otero Pedrayo, Vicente Risco, López Cuevillas e, ocasionalmente a Castelao ou Alexandre Bóveda. Por estas datas publicará os seus primeiros versos nalgúns xornais ourensáns e, sobre todo, no proxecto editorial titulado “Cartafol de poesía”, xunto co seu veciño Xosé Velo Mosquera co que fundará as Mocedades Galeguistas do distrito de Celanova e dirixirá a revista quincenal «Vieiro», que era o voceiro da “Federación de Mocedades Galeguista”.

A guerra civil, longa noite de pedra
En 1936 foi mobilizado na guerra civil polo bando franquista e fará toda a guerra na fronte de Asturias, onde coñece a quenserá  a súa esposa, María Luisa Moraima Loredo, con quen terá catro fillos. Con ocasión dun permiso que pasaba na súa vila natal sufrirá prisión no mosteiro de San Rosendo, agromando desta experiencia a idea do seu coñecido poema «Longa noite de pedra». Finalizada a contenda bélica empeza a estudar Dereito e Maxisterio e trasládase á cidade de Pontevedra onde exerce como funcionario na Fiscalía de Taxas. neste tempo publicou dous poemarios en castelán e colaborou nas revistas «Mar», «Finisterre”, «Sonata Gallega» e no semanario «Ciudad» entre outras publicacións.

Vigo: colaboracións e publicacións
Entre 1950 e 1966 traslada a súa residencia a Vigo, traballando como Procurador dos Tribunais  ademais de desempeñar outras ocupacións profesionais.

Publica un bo número de colaboracións no xornal «Faro de Vigo» así coma, en «La Región», «El Pueblo Gallego» ou «El progreso». En 1955 aparece o seu primeiro libro en galego na posguerra O soño sulagado e o poemario en castelán Voz y voto. Por estas datas publicará tamén a biografía do seu admirado Curros Enríquez. Inicia e mantén colaboracións na revista «Litoral» de Pontevedra e nos «Papeles de son Armadáns», dirixidos por Camilo José Cela. En 1962 publica Longa noite de pedra, tal vez o poemario que máis sona lle deu como poeta galego. Colabora na revista «Vieiros» e participa activamente na fundación da Unión do Pobo Galego no ano 1964.

Desenganos na emigración
Xa en Caracas (1966) accede á Secretaría de Cultura da Irmandade Galega onde coordina e organiza o periódico quincenal da Sociedade, o cine club, a emisión radiofónica semanal “Sempre en Galicia”, a Escola Castelao e funda a Agrupación Nós. Pero a súa relación cos órganos directivos da Hermandad Gallega québrase e sofre unha grande crise na súa relación con esta institución. Publica, entón, Viaxe ao país dos ananos (1968), Cantigas de escarnio e maldicir (1968), Terra de ningures (1969), Paco Pixiñas (1970), Antipoemas (1972) e Cimeterio privado (1973).
Regresa a Galicia
No ano 1973 establécese en Madrid traballando como redactor da revista «Tribuna Médica» e colaborando nas páxinas literarias do «ABC» de 1977 a 1979, onde mantivo unha sección que informaba sobre a produción contemporánea da literatura galega. Incorpórase ao panorama narrativo con  A fronteira infinda  (1972) e A taberna do galo (1978). Remata a súa produción con Onde o mundo se chama Celanova, un volume que supuxo a súa reafirmación definitiva do autor como poeta con maiúsculas, dono dunha fondura, pluralidade e versatilidade envexables. Dous anos despois publica a tradución castelá dos poemas de Curros Enríquez e acode a diversos congresos de escritores.

O día 31 de agosto de 1979 morre na súa casa da avenida de Castrelos de Vigo mentres gozaba dun período vacacional.


Para saber máis sobre Celso Emilio... celsoemilioferreiro.org