Participación Campaña Rescate

10 

70 disponibles

CAMPAÑA DE RESCATE DO LIBRO PROHIBIDO DE MANUEL CURROS ENRÍQUEZ
“Aires da miña terra” (1ª edición)

Buscamos 95 heroes que nos axuden a recuperar a primeira edición de “Aires da miña terra” cunha achega única de 10 €.

POR QUE SERÁS UN HEROE SE NOS AXUDAS?

• No ano 1880 Manuel Curros Enríquez publica en Ourense unha colección de poemas galegos nun libro titulado “Aires da miña terra”

• Unha vez o libro saíu á rúa, o bispo ourensán Cesáreo Rodrigo, publica un edicto prohibindo a súa lectura por conter “proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas y algunas que merecen otra censura”

• En consecuencia, o bispo ordenou que todas aquelas persoas que tivesen algún exemplar nas súas casas o entregasen na secretaría do bispado ou ó seu párroco de referencia

• Este ordenamento episcopal provocou que moitos exemplares desta primeira edición acabasen desaparecendo do mercado e, polo tanto, que teñan sido moi poucos os que teñen chegado ata os nosos días

• A partir da denuncia episcopal intervén a Xustiza ourensá e o xuíz Mella Montenegro condena ó poeta a “dos años, cuatro meses y un día de prisión y multa de 250 pesetas”

• Presentado recurso perante a Audiencia da Coruña, O escritor é defendido polo avogado Luciano Puga, quen consegue a revocación da sentenza de Ourense e dálle a razón a Curros Enríquez concedéndolle permiso para que o libro poida volver saír á rúa en sucesivas edicións

• En 1881, a revista “La ilustración Gallega y Asturiana” publicou unha segunda edición na que lle foron engadidos 6 novos poemas e en 1886 foi publicada unha terceira máis completa aínda, contendo o proceso penal sufrido polo poeta.

POR QUE QUEREMOS CONSEGUIR O LIBRO:

• A casa familiar de Manuel Curros Enríquez, baixo a denominación popular de Casa dos Poetas, abriu as portas á sociedade en 2006. Co paso dos anos foise enchendo de contido documental relacionado co autor de “Aires da miña terra” e outros autores de Celanova, coma Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo ou Méndez Ferrín.

• A exposición permanente inclúe primeiras edicións da súa obra literaria, pero non unha primeira edición da súa obra máis popular “Aires da miña terra”. Unha carencia que mantiña eivado o proxecto de divulgación da vida e da obra dos autores de Celanova e, dun xeito especial, do propio Curros Enríquez.

• A finais de 2023 nunha das procuras habituais que realizamos na Rede, atopamos un exemplar que estaba á venda nun portal de poxas, na tenda de antigüidades “Decadent” de Pontevedra, por un valor de 950 euros.

• Feitas as xestións co xerente, Pablo Sánchez, ofreceuse a facilitar a adquisición por parte da Fundación para poder completar a bibliografía currosiana.

COMO TES QUE FACER PARA SER UN HEROE

• Fainos un ingreso de 10 euros a través da pasarela de pago que verás en www.currosenriquez.es indicanos os teus datos persoais e pasarás a formar parte dos 95 heroes que recuperaron os “aires” de Curros Enríquez.

COMO CHO AGRADECEREMOS:

• Ó cubrir o formulario, enviarémosche un certificado declarándote “heroe da literatura galega” por ter axudado a recuperar o libro orixinal de “Aires da miña terra” para o patrimonio público galego.

© Copyright 2004 – 2017 Fundación Curros Enríquez