Actividades

A Fundación Curros Enríquez ven deseñando anualmente un programa de actividades que teñen como eixe central, pero non exclusivo, o ámbito literario. Realizadas a maior parte na Casa dos Poetas presentámosvos aquelas que se manteñen anualmente e nas que estades convidados a participar.


Premio «Celanova Casa dos Poetas»



Recoñece cada ano a unha persoa ou entidade que ó longo da súa vida se ten significado por desenvolver un intenso labor a prol da cultura galega en tódalas súas facetas, ou da propia Galicia. O acto da entrega celébrase anualmente na Casa dos Poetas.

Toda a información sobre este premio, aquí.



Ludoteca



Obradoiros destinados aos máis pequenos no que o fomento da lectura é o principal protagonista. Ademais de obradoiros creativos e literarios tamén se realizan conta contos. Os períodos de descanso son os escollidos para a súa realización polo que habitualmente teñen lugar nas vacacións do Nadal, a Semana Santa e o verán.



Exposicións



O segundo andar da sede da Fundación Curros Enríquez destinase para a acollida de mostras temporais de todo tipo. Seguindo o criterio de que estea implicado algún contido literario ou sobre a vila de Celanova hai un espírito aberto a acoller solicitudes externas. Dependendo das características da colección a expor, tempada ou temática tamén nos ofrecemos a xestionar a súa organización noutros locais de carácter municipal.



Presentacións



A sala da lareira da Casa dos Poetas acolle durante todo a ano a presentación das novidades editoriais literarias, audiovisuais e artísticas vinculadas principalmente con Celanova.



Roteiro do Rexurdimento


rexurdimentos-web


En colaboración coas Fundacións Rosalía de Castro e Eduardo Pondal estase a traballar en proxectos comúns en torno ós escritores do Rexurdimento.



Desfrutamos do órgano


organo-web


Apostando pola calidade e aproveitando as circunstancias actuais que rodean o órgano do Mosteiro de Celanova, estamos a colaborar coas actividades musicais protagonizadas por este instrumento.



Viaxe cultural a espazos literarios


Nestas xornadas ofrecerase ós veciños a posibilidade de visitar os edificios e lugares vinculados á obra dos autores protagonistas das asociacións colaboradoras ademais de promover o coñecemento da súa vida e do propio contorno. Este espazo ten como fin dar a coñecer ó resto de escritores galegos e portugueses contemporáneos dos poetas de Celanova e colaborar na difusión doutras asociacións e fundacións literarias.



Xornada de convivencia «Curros Enríquez»


Anualmente trátase de promover a celebración dunha xornada de convivencia cos catro centros de toda Galicia que leven o nome do poeta Manuel Curros Enríquez en Ourense, A Coruña, Pazos de Borbén e Celanova. Tras unha mañá adicada ó coñecemento da vila destinamos a tarde para a poesía e a visita dos arredores.



Visitas e roteiros


Hai unha especial atención ó ámbito escolar por parte da Fundación Curros Enríquez apostando tamén na oferta de roteiros culturais para todo tipo de grupos, ademais da atención diaria da Casa dos Poetas e outros espazos turísticos de Celanova como a Torre de Vilanova dos Infantes. Invitámoste a que navegues polo apartado VISITA CELANOVA desta páxina web para coñecer mellor o noso traballo neste aspecto.