O mais recente

Obradoiro de poesía visual impartido por Xosé Poldras o vindeiro sábado 14 de abril
A Casa dos Poetas acolle o sábado 14 de abril de 2018 un «Obradoiro de poesía visual» impartido polo artista Xosé Poldras. Cunha duración de catro horas (16:00-20:00) traballarase a poesía dos escritores de Celanova en tres partes:
– Proxección de imaxes modelo para dar a coñecer a poesía visual a través de diversos autores, e debater sobre e a idea de metáfora aplicada a unha imaxe.
– Elaboración de ensamblaxes para seren fotografados combinando obxectos con textos dos poetas de Celanova.
– Retoque dixital en grupo, de cada obra final, para dar unha eventual uniformidade ao traballo, ou o que se considere entre todos, á luz dos resultados.
Prezo: 5€
O mais recente

“ENTRE LIÑAS”, CARTAS INÉDITAS PARA CONMEMORAR O 110 ANIVERSARIO DO FALECEMENTO DE CURROS ENRÍQUEZ

A Casa dos Poetas albergará entre o 3 de abril e o 31 de maio a exposición “Entre liñas”, organizada pola Fundación Curros Enríquez e comisariada por Javier Gándara Feijóo. A mostra confórmase a través de material documental (a mayoría inédito) pertencente ao arquivo da devandita institución. O proxecto céntrase en epístolas escritas por personaxes senlleiros de Celanova e Galicia: Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Otero Pedrayo e Faustino Santalices. Expóñense tamén pinturas, fotografías, gravados e outros documentos en alusión aos autores e textos seleccionados, dándolle ao visitante a posibilidade de contextualizar aquilo que le.

O título “Entre liñas” alude a un fragmentopertencente á carta escrita por Manuel Curros Enríqez ao seu amigo Jesús Muruais o 11 de maio de 1876. Na citada epístola, o poeta celanovés expresa: “¡Cuántas revelaciones en esta carta! ¡Cuántas confidencias! ¡Cuántos enigmas que solo yo puedo comprender!”. Transmítese, polo tanto, a idea de que para poder entender realmente estas mensaxes de Curros hai que ler “entre liñas”. Nestas liñas tamén se atopan “anacos” da vida dos seus autores.

“Entre liñas” pretende ofrecer unha concepción distinta da vida e activdiade intelectual dalgúns dos mellores literatos e investigadores galegos; unha visión diferente e alonxada das mitificacións e clichés que, ainda en pleno século XXI, seguen a predominar. A mostra abrirá as súas portas o 3 de abril, un día despois de que se cumpran os 110 anos do multitudinario funeral de Manuel Curros Enríquez na Coruña (segundo as crónicas da época, asistiron ao mesmo 40.000 persoas). Con esta exposición, a Fundación Curros Enríquez continúa a súa labor de estudo e difusión da actividade literaria dos escritores vinculados a Celanova.

O mais recente

Vértice de versos no AMIC o sábado 7 de abril ás 19.30

Presentación do primeiro traballo como director de Carlos Lorenzo, veciño das Terras de Celanova, no Auditorio municpal de Celanova o sábado 7 de abril ás 19:30 horas.

Vértice de Versos é unha longametraxe documental na que se repasa o acontecido desde os anos 90 no universo poético de Galicia. É un proxecto audiovisual que presta atención ao valor didáctico que permite coñecer a principal fonte literaria galega.

É a primeira vez que un documental se adentra na poesía galega, descubrindo a súa historia, contando a revolución literaria dos 90 e coñecendo como están sendo as novas formas de expresión poética.

Unha nutrida xeración de poetas de Galicia chaman a atención pola calidade das súas creacións. Moitos dos seus poemas traspasan as nosas fronteiras traducidos a outras linguas. Críticos, editores e o propio colectivo de escritores e escritoras explican o que pasou nos últimos 25 anos neste vértice xeográfico. Coñecer de preto a poetas como Yolanda Castaño, Baldo Ramos, Emma Pedreira ou Gonzalo Hermos axuda a comprender esta situación.